• O representante popular reuniuse, esta mañá, cos veciños e comerciantes da zona, quen recolleu protestas pola falta de zonas de carga e descarga e polas dificultades de paso para camións comerciais
• Daniel Rego considera que de terse debatido e chegado a un consenso, tanto cos veciños como coa oposición, estes contratempos poderíanse ter evitado
Camariñas, 5 de marzo de 2010. O voceiro do Partido Popular de Camariñas, Daniel Rego, mantivo unha reunión, esta mañá, cos veciños e comerciantes da Rúa Arenal, na que os residentes lle trasladaron o seu malestar polas obras que se levaron a cabo en dita travesía, xa que, debido á ampliación das beirarrúas, se dificultou o paso dos camións que levan as mercadorías ós locais da zona. Os comerciantes denuncian que o Concello non tivera en conta a actividade comercial e non proxectara, ademais, zonas de carga e descarga na propia rúa. Do mesmo xeito, os populares lamentan que coa nova anchura das beirarrúas quede anulada a pequena praza que había.
Para o representante popular, este feito pon de manifesto, unha vez máis, a falta de planificación coa que traballa o equipo de goberno, xa que “en lugar de soluciona-los problemas que teñen os veciños, créalles máis”. Daniel Rego considera que de terse debatido e chegado a un consenso, tanto cos veciños como coa oposición, estes contratempos poderíanse ter evitado. Os populares instan ó Concello a que busque de inmediato unha solución ó respecto, co fin de que os veciños e comerciantes non teñan que soportar máis os inconvenientes da remodelación da rúa.



















0 Comentario