• A representante popular insta á alcaldesa a que explique as certificacións falsas de fin de obra que realizou e enviou á Consellería de Industria o pasado 28 de decembro
• Vázquez considera moi grave que o Goberno Local asegurara durante meses que a obra estaría lista en tempo e forma, cando todo era mentira
Melide, 27 de febreiro de 2010.- A Voceira do Partido Popular de Melide, Ánxeles Vázquez, anunciou está mañá que, ante o silencio da alcaldesa, o PP forzará a celebración dun pleno extraordinario para que se poña luz e taquígrafos dunha vez por todas no tema da depuradora do polígono industrial de Madanela. Neste senso, Vázquez indicou que, tras esixirlle en máis dunha ocasión a Cea que se pronunciara publicamente ó respecto e ó non ter contestación, “é o momento de que a alcaldesa explique as certificacións falsas de fin de obra que realizou e enviou á Consellería de Industria o pasado 28 de decembro, sen terse comezado as obras”.
Do mesmo xeito, Vázquez considera que Cea debe dar a coñece-la situación actual, así como tamén as medidas que o Concello ten pensado tomar ó respecto, porque “estamos a falar dunha ilegalidade cometida por un cargo público, polo que os veciños teñen todo o dereito a ter toda a información que rodea a este asunto”.
Para Vázquez, “o que está a ocorrer en Melide é lamentable”, de aí que lle esixa explicacións ós actuais gobernantes, e os motivos polos que esgotaron os prazos sen face-las obras e falsearon a documentación, infrinxindo así a lei. Neste senso, a representante popular considera que o Tenente de Alcalde e responsable da área de Medio Ambiente, debe manifestarse, tamén, ó respecto, a raíz da súas últimas declaracións nas que amosaba o seu apoio á xestión da alcaldesa, a pesar de saber que Cea infrinxiu a lei. Do mesmo xeito, a voceira popular insta de novo á rexedora a que lle facilite ó PP unha copia do expediente, xa que dende fai máis dun mes a rexedora négase a facilita-lo.
Por todo iso, Vázquez esíxelle responsabilidades políticas ó respecto, “xa que é moi grave que asegurara durante meses que a obra estaría lista en tempo e forma, cando todo era mentira”. Para os populares a gravidade deste feitos implica que alguén ten que asumir as responsabilidades políticas de certificar unha obra que nin sequera se iniciou. Por iso, amosou a súa confianza en que este pleno sirva para poñer luz e taquígrafos noutro capítulo negro na xestión de Cea neste Concello e advertiu que o PP non vai a consentir que Melide sexa un municipio sen lei nin goberno. Neste senso, Vázquez mostrou a súa confianza en que alcaldesa convoque o pleno o antes posible para aclarar tódolos puntos escuros que rodean a este grave asunto.



















0 Comentario